Friday 03 de May de 2024

O pleno acorda incluír no POS+ adicional o proxecto de mellora da estrada Santa Margarida DP2404


Tamén foi aprobado o I Plan de Infancia e Adolescencia e a solicitude á Deputación para o financiamento da remusealización do Museo de Golmar, entre outros asuntos.

Hoxe celebrouse o Pleno ordinario do mes de setembro, no que foron aprobados varios asuntos de diferente índole relacionados principalmente coa organización do funcionamento do Concello, normativas municipais e proxectos de mellora de infraestruturas públicas.

Unha das cuestións máis destacadas foi aprobada por unanimidade. Trátase da inclusión do proxecto de renovación completa da estrada da parroquia de Montemaior entre Santa Margarida e a DP 2404 na segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+) Adicional da Deputación da Coruña. A actuación presenta un orzamento de 393.000 euros -máis outros 62.500 que inviste o Concello na expropiación dos terreos-. Afecta a unha distancia de 2.355 metros lineais pasando tamén polos núcleos de A Baiuca, O Sopé e Propeste, sendo por tanto unha vía que “vertebra as comunicacións nesa parte de Montemaior” como apuntou o alcalde, José Manuel López Varela. A plataforma da calzada será ampliada ata os dez metros de anchura, contará cun novo pavimento e disporán de elementos de seguridade como biondas e sinalización horizontal e vertical, ademais dunha mellor rede de recollida de augas pluviais.

Repetiuse a unanimidade na aprobación do I Plan Local de Infancia e Adolescencia, documento consistente nunha folla de ruta que articula o compromiso cos dereitos e o benestar dos nenos e adolescentes e orienta as políticas municipais nesa materia, expoñendo os retos e metas que se deben acadar para os vindeiros anos. O alcalde explicou que esta “iniciativa pioneira” permitirá “ter en conta as opinións da xuventude” co fin último de “escoitar á mocidade e tomar medidas políticas” no seu beneficio. Ademais, permitirá ao Concello optar ao “recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia que outorga UNICEF”.

Tamén houbo acordo dos tres grupos municipais na proposta de solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa para o financiamento do proxecto de remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, en Golmar. Investiranse 48.000 euros na renovación dos seus contidos para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes, sendo tamén un incentivo para reactivar a económica dunha parroquia rural como é Golmar e o seu entorno.
Do mesmo xeito, foi aprobada a nova ordenanza municipal reguladora da administración electrónica. A nova normativa municipal pretende implantar os mecanismos para facer efectivos os dereitos dos cidadáns en relación á libre elección da canle a través da cal se relaciona co Concello, favorecer a simplificación administrativa e priorizar as comunicacións dixitais sobre o emprego do formato en papel.
Tamén houbo unanimidade na aprobación da modificación do Plan Xeral de Prevención de Riscos e de Medidas Anti-Fraude. O texto adáptase ás novidades normativas, engadindo os catro obxectivos principais do Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia, e reforza as prácticas municipais para non deixar ningunha marxe de actuación a conductas irregulares.

Ademais, coa fin de acadar o mellor funcionamento deste departamento municipal, aprobouse o recoñecemento da dedicación exclusiva de Pablo Cambón como encargado da dirección interna e a xestión da Concellería delegada de Patrimonio, Obras e Urbanismo debido á complexidade e a gran cantidade de traballo que leva consigo. Neste caso fíxose cos votos en contra dos grupos municipais do PSOE e do BNG.

En materia de índole económica, aprobouse -abstencións do PSOE e do BNG- a Conta Xeral do exercicio económico 2022. Péchase en 13.531.000 euros, o que supón preto dun 55 % de incremento con respecto ao orzamento inicial (8.618.000 euros), e cun remanente líquido de tesourería de 1.671.000 euros que o alcalde lembrou que “xa foron investidos”. López Varela apuntou que os datos poñen de manifesto “a cautela coa que se fixeron os orzamentos” que “son vivos” e que por iso pasaron a ter un aumento de case cinco millóns de euros durante o pasado exercicio económico.
Tamén saíu adiante a modificación das bases de execución do presuposto xeral -abstención do PSOE- necesaria para efectuar os trámites das subvencións nominativas a dúas entidades organizadoras de festas parroquiais que cambiaron o seu nome este ano.
E aprobouse, de novo por unanimidade, a declaración de especial interese por concorrer circunstancias de fomento do emprego, coa correspondente bonificación do 95 % na cota do imposto de construcións instalacións e obras (ICIO), do proxecto de Coleo Recycling S.L., promotora da construción dunha nova nave industrial no parque empresarial da Laracha que se dedicará á clasificación téxtil destinada a reciclaxe. En datos, o aforro será de 30.539.50 euros, que son a diferencia entre o ICIO inicial de 32.146,84 euros e os 1.607,34 euros que aboará a promotora por ese concepto. O alcalde considera que se trata de “boas medidas” porque, aínda que supón menores ingresos para o Concello por ese concepto, é unha axuda “para que veñan empresas á Laracha”.